
O xoves 27 de novembro celebrouse na sede da UNED en Lugo a quinta das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2025, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa segunda edición.
Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas os creadores Xoán Neira e Toño Núñez. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED.
Xoán Neira. Meilán (Lugo), 1953. Mestre xubilado, reside en Viveiro dende 1982. Premiado nos certames de poesía: Meigas e Trasgos de Sarria, Concello de Vilalba (en tres ocasións), Rosalía de Castro de Barcelona... e en xornalismo: Reimóndez Portela (A Estrada) e Begonte e o Nadal (tamén en tres ocasións). Autor dos poemarios: Memoria e soño, Nas varandas do abrente, Ás catro augas, Linguaxes e Outras linguaxes En poesía infantil publicou Recreos , Xiz de cor, Farrapos de nube, No cubil da lúa, Un niño no xardín, Chafarís, Gaiola aberta, Calendario poético e Máxica lúa.
Toño Núñez. Freixís (Navia de Suarna), 1959. Mestre xubilado, compaxina a escrita co activismo cultural. Gran defensor da súa terra, Navia de Suarna, e dos Ancares. Home comprometido coa defensa da nosa lingua, das nosas tradicións e da nosa cultura en xeral. Ten publicado máis dunha ducia de libros para nenos e nenas e para público adulto. Ten participado, a maiores, en máis de medio centro de publicacións colectivas de narrativa e de poesía. Dende o ano 2019, é o coordinador de Xistral, a Revista Lucense de Creación Poética que edita a Área de Cultura do Concello de Lugo. Integrante do dúo poético-musical ConVersoS.
O encontro poético entre os dous creadores, de máis de hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra dos escritores, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta segunda experiencia de expresión poética interxeneracional.
O derradeiro encontro de LUGOPOÉTICA 2025 vaise celebrar o próximo 11 de decembro, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación dos escritores Helena Villa Janeiro e Xesús Rábade Paredes.