
O xoves 13 de novembro celebrouse na sede da UNED en Lugo a cuarta das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2025, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa segunda edición.
Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas os creadores Manuel Regal e Xosé Antón Miguélez. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED.
Manuel Regal Ledo (Chantada, 1947): Licenciado en teoloxía bíblica en Deusto. Monxe en Samos (12 anos), párroco por Abadín (18 anos), educador-terapeuta de drogodependentes en Proxecto Home. Actualmente casado, volve exercer actividades como cura con algunhas limitacións e é Delegado de Pastoral Rural na diocese de Mondoñedo-Ferrol. Admirador e seguidor de Xesús de Nazaré, séntese debedor comprometido do rural galego, e ao redor destas dúas realidades ten escrito unha ducia de libros, nos que aparece a maioría do seu labor poético.
Xosé Antón Miguélez Díaz (Lugo, 1946): De familia chantadina, é crego na bisbarra de Lourenzá, na Mariña lucense, e en parroquias de Abadín. A súa poesía foise centrando no eido relixioso cristián. As primeiras mostras publicounas en Grial (1970) e logo na Escolma de poesía galega de Xosé Lois García (Sotelo Blanco. 1984). Apareceron logo medio cento de himnos litúrxicos no Diurnal da Liturxa das Horas en galego (1999). En 2007 algúns poemas na escolma “Os ríos pasan cheos de Deus" (Toxos Outos), de Victorino Pérez Prieto. No 2000, o libro sobre a fe cristiá co poema "Profecía dun capitán Trono" (Sept, Vigo), e en 2020 na mesma editora "Oda a Xesús Cristo. Credo e Camiño”.
O encontro poético entre os dous creadores, dunha hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra dos escritores, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta segunda experiencia de expresión poética interxeneracional.
O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2025 vaise celebrar o próximo 27 de novembro, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación dos escritores Xoán Neira e Toño Núñez.