
O xoves 30 de outubro celebrouse na sede da UNED en Lugo a terceira das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2025, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa segunda edición.
Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas os creadores Ana Vila Portomeñe e Paco Ledo. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED.
Ana Vila Portomeñe. Taboada, 1969: Gandeira con explotación propia; poeta. Presidenta-fundadora da Asociación de Mulleres Rurais Landra (Taboada) e Creadora do evento cultural “Ruralsía”. Escritora en libros, revistas e Internet. Gañadora do Certame Cartas de amor, Vila de Quiroga (Categoria senior). Membro de Recolectoras Memoria e Terra. Autopublicou “Algo de mí con mucho de ti”, “Latexos dunha labrega”, “Pintasías”, “Sentidos nunha aldea” e “A.M.A en esencia”, con dúas amigas
Francisco Ledo López (Paco Ledo). Mariz-Chantada, 1952: Gandeiro e poeta en lingua galega. En 1977 publicou o seu primeiro poemario, "Poesía dun labrego", primeiro libro publicado pola Editorial Alvarellos. Desde entón, en poesía, ten publicado “Bricnas”, “Nos cumes do cántico” e “Nas portelas de memor0ça”; en ensaio, “No medio da treboada e “A carón da lareira”; e, en dixital “Haikus galegos”. Ten participado nunha ducia de libros colectivos.
O encontro poético entre os dous creadores, dunha hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra dos escritores, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos das próximas sesións- dunha publicación que recolla esta segunda experiencia de expresión poética interxeneracional.
O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2025 vaise celebrar o próximo 13 de novembro, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación dos escritores Manuel Regal e Xosé Antón Miguélez.