Alt

A segunda sesión de Lugopoética 2026 reúne a Alicia Fernández Díaz e a Elena Pérez López

O mércores 18 de marzo celebrouse na sede da UNED en Lugo a segunda das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2026, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa terceira edición.

Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas as creadoras Alicia Fernández Díaz e a Elena Pérez López. O acto comezou con palabras de Alejandro Prieto, secretario da UNED Lugo.

Alicia Fernández Díaz - Lugo, 1988: Avogada e funcionaria, a poesía leva presente na súa vida dende os seis anos cando comezou a participar en diversos certames poéticos e narrativos acadando o longo de todos estes anos numerosos premios a nivel estatal, principalmente no xénero lírico. Namorada da natureza e do medio ambiente, e cunha profunda conexión co espiritual, a súa obra atópase marcada de metáforas literarias, achegando á realidade natural unha visión mística sobre os sentimentos, a vida e o transcorrer dos anos. Asidua de eventos de micro aberto e recitais de poesía, non imaxina a sua vida sen tinta e papel.

Elena Pérez López - Sarria: Naceu na primavera, nun mes de maio atipicamente frío. Foi unha nena loura de pelo sempre despeiteado, que ambientaba o seu medrar entre Sarria e Barbadelo. Estudou nesta mesma vila ata que decidiu marchar a Lugo e formarse para ser mestra. A vida é máis luminosa dende que comparte escolas e aulas coas crianzas. Considérase moi afortunada de poder dedicarse á profesión máis fermosa que existe. E entre lección e lección, cóanse algúns versos que lle gusta ir coleccionando. Sen pretensións, intenta admirar o extraordinario do cotiá, espremer as cousas máis sinxelas e sintetizar esencias en palabras. Unha mestra, que, coma todas, é un pouco de todo.

O encontro poético entre as dúas creadoras, dunha hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra das escritoras, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta terceira experiencia de expresión poética interxeneracional.

O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2026 vaise celebrar o próximo 23 de abril, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación dos escritores Xosé Lois García e Ramón Rodríguez Porto.

Vídeo íntegro deste segundo encontro