
Celebrouse onte na sede da UNED en Lugo a derradeira das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2026, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebrou este ano a súa terceira edición. Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas as creadoras Ana Mar Fraga Rábade e Mari Luz Balsa Rábade. O acto comezou con palabras de Raquel Iglesias, da UNED Lugo.
Nesta sesión participaron tamén Francisco Villamor e Pablo Rico, profesor e alumno, que interpretaron varias pezas ao bombardino. Deste xeito, música e poesía foron da man nesta iniciativa.
Ana Mar Fraga Rábade (Cospeito): Nada na Terra Chá, na actualidade vive en Lugo. É licenciada en Filosofía e Historia, escritora, historiadora e investigadora da cultura celta, entre outras. Traballa para Fundación Ángel Argivot en Barcelona, como Investigadora das culturas antigas. Impartiu conferencias en Barcelona como parte do seu traballo. Colabora con Xistral, revista de creación poética de Lugo, fundada polo escritor Chairego Manuel María. Defínese como “Unha muller sinxela e con un amor profundo a terra e aos seus. No traballo entregada a súa investigación das culturas antigas”.
Mari Luz Balsa Rábade (Seixas, Cospeito, 1982): Naceu o día 12 de abril de 1982 en Seixas, no Concello de Cospeito, onde mantén a súa residencia na actualidade. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en Dereito no ano 2005. É funcionaria de Administración Local con Habilitación de carácter Nacional, pertencente ás subescalas de Secretaría-Intervención e Secretaría de Entrada. Exerceu a súa labor profesional en varios concellos da provincia de Lugo e actualmente exerce de Secretaria Xeral no Concello de Viveiro, municipio no que se afincou profesionalmente en xaneiro de 2012.
O encontro poético entre as dúas creadoras, de máis de hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra das escritoras, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta terceira experiencia de expresión poética interxeneracional.